Perante a información publicada na mañá do 21 de Maio no xornal La Voz de Galicia, baixo o titular “El Sergas dará un plus a los médicos si las bajas de sus pacientes no se alargan“, os e as abaixo asinantes, profesionais de medicina familiar no Servizo Galego de Saúde, queremos manifestar as seguintes consideracións:
Que recentemente se fai público que entre os obxectivos de produtividade da categoría médico de familia para o ano 2026, se inclúe un novo item denominado “Optimización da duración media dos procesos de incapacidade temporal (IT)”, definido como a duración media dos procesos de incapacidade temporal (IT), calculada como o cociente entre o número total de días de IT dos procesos finalizados (altas) e o número de procesos de alta no período considerado. Este item marca como obxectivo un porcentaxe maior ou igual a 80% dos procesos de baixa laboral cunha duración igual ou menor á duración media de baixas da área sanitaria.
Os obxectivos a cumprir deben ter como condición básica seren realizábeis e estaren ao alcance do traballador do que se esperan. Esta esixencia non reúne estas condicións. Se na nosa man, ou cando menos parcialmente, poden estar acadar obxectivos como unha maior proporción de prescrición de medicamentos xenéricos, de medicamentos biosimilares ou aumentar a proporción de persoas fumadoras que acadan abstinencia tabáquica co noso apoio, non o está reducir a duración das incapacidades temporais.
É importante lembrar que a Incapacidade Temporal é un dereito colectivo das persoas traballadoras, segundo o cal, as persoas teñen dereito a, en situación de doenza que o impida, acollerse a repouso, observación e tratamento médico para evitar unha mala evolución da doenza e asegurar unha adecuada recuperación. Isto converte a Incapacidade Temporal nun tratamento médico máis, nunha prescrición máis.
En Abril de 2026, o Consello de Contas publicaba un informe no que alertaba da situación que atravesa a Atención Primaria galega. O gasto sanitario en AP, segundo este informe, limítase ao 12%, moi inferior ao 25% recomendado pola OMS. Isto colócanos como a segunda comunidade autónoma que menos recursos destina á Atención Primaria de Saúde. Destaca tamén que o 28% das prazas de Atención Primaria están vacantes, polo que falamos de millares de persoas que non teñen unha médica de familia que as siga. Tamén aumentaron progresivamente as demoras para citación en consultas dos centros de saúde.
Estes problemas estruturais na Atención Primaria están entre as causas que poden prolongar de maneira innecesaria unha situación de IT. Pero alén do ámbito da propia Atención Primaria de Saúde, deficiencias estruturais do sistema sanitario noutros niveis están detrás da maior parte das situacións en que unha IT se prolonga máis do esperábel. Teñamos en conta que os principais motivos de IT concéntranse entre dores de diferentes partes do corpo, relacionadas con problemas traumatolóxicos e as da esfera da saúde mental. Ambas condicións aumentaron nos últimos anos, de forma exponencial no caso das relacionadas coa saúde mental con incrementos de mesmo 147% de prevalencia. Tamén aumenta a prevalencia de IT por patoloxías oncolóxicas e cardiovasculares.
A ninguén lle escapa que as demoras para consultas de especialidades hospitalares, probas diagnósticas e cirurxías están detrás do incremento destas situacións e da dilatación das mesmas. A maior parte das veces en que temos que ampliar o período de IT dunha doente, débese a que permanece en espera de realizar unha proba, de unha consulta hospitalaria ou dunha operación. Falamos de esperas de meses e que en ocasións ultrapasan o ano. E que dicir das esperas para atención en Saúde Mental, se para unha primeira consulta de Psicoloxía Clínica os nosos pacientes esperan entre 6 e 9 meses, sempre que teñan a escasa fortuna de non poderen pagar unha terapia privada. Lembremos que a Atención Primaria galega non chega aos 6 psicólogos por cada 100.000 habitantes, lonxe dos 19 do conxunto da Unión Europea.
Somos profesionais que damos todo da nosa parte para coidar da saúde das nosas pacientes, sobrevivindo a duras penas a unha sobrecarga crónica e crecente. Non precisamos que se poña en tela de xuízo a nosa profesionalidade e o noso criterio á hora de determinar se un doente precisa unha incapacidade temporal. Non podemos tolerar que se nos esixa cumprir cuns obxectivos cuxa realización está completamente fóra do noso control por factores alleos a nós. Non aceptamos que se poñan en risco os dereitos da poboación que atendemos.
Por tales motivos, esiximos a retirada deste obxectivo dos Acordos de Xestión de 2026 e que se respecte o noso traballo.